Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.
En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras
Tal día coma hoxe en 1835 nacía Rosalía de Castro. En 1880 publicouse 'Cantares Gallegos', a obra que marca o Rexurdimento. Hoxe celebrabamos que fixo cousas coma esta, que fan que sintas tristura, que chores por dentro. Dor. Escuridade. Negra sombra que me asombras.
E na voz de Luz Casal tes todo o sentimento de Rosalía.
Imaxe - Aldara Prado para a Deputación Provincial da Coruña
1 comentario:
Genial!!
Publicar un comentario